Lipase pancreática

De testwiki
Saltar á navegación Saltar á procura
Complexo da lipase pancreática coa colipase de porco (azul) e un pequeno inhibidor (arriba á esquerda).[1]

A lipase pancreática, tamén chamada triacilglicerol lipase pancreática, é un encima segregado polo páncreas, que actúa no intestino delgado, e é a principal lipase que hidroliza os lípidos da dieta durante a dixestión no aparato dixestivo humano. Converte os triglicéridos (triacilglicerois) que se encontran nas graxas e aceites da dieta en monoglicéridos (monoacilglicerois) e ácidos graxos libres, ao cortar dous dos enlaces éster entre o glicerol e os ácidos graxos (deixando intacto o enlace co ácido graxo central). O encima pertence á familia das triglicérido lipases.

Triacilglicerol + 2 H2O 2-monoacilglicerois + 2 anións de ácidos graxos

Os sales biliares segregados polo fígado e almacenados na vesícula biliar son liberados no duodeno, onde rodean e enulsionan as grandes pingas de graxa en pequenas pinguiñas, o que incrementa a súa área superficial global, o cal facilita que a lipase acceda e procese máis eficazmente as moléculas de graxa (triglicerois). A lipase pancreática produce dous ácidos graxos libres e unha molécula de 2-monoacilglicerol, que despois baixan polo intestino delgado e absorbidos.

A diferenza doutros encimas pancreáticos, que están inactivos no páncreas e son activados por clivaxe proteolítica cando chegan ao duodeno (por exemplo o tripsinóxeno), a lipase pancreática é segregada na súa forma madura, aínda que só realiza unha catálise eficiente se está presente no duodeno o encima colipase. A colipase pancreática únese ao dominio C-terminal non catalítico da lipase, o que a estabiliza na súa conformación activa e aumenta a hidrofobicidade do sitio activo. Á súa vez a colipase debe ser activada pola tripsina.

Nos humanos a lipase pancreática está codificada no xene PNLIP do cromosoma 10.[2][3]

Importancia para o diagnóstico

A lipase pancreática segrégase ao duodeno. Normalmente a súa concentración no soro sanguíneo é moi baixa, pero cando hai un trastorno extremo da función pancreática, como na pancreatite ou no adenocarcinoma pancreático, o páncreas pode comezar a autolisarse e a liberar ao soro encimas pancreáticos como a lipase, polo que o seu nivel no soro aumenta. Medindo as concentracións de lipase pancreática no soro, pode diagnosticarse a pancreatite aguda.[4]

Familia da lipase pancreática (triglicérido lipases)

Modelo:Pfam box

A familia das triglicérido lipases (número EC 3.1.1.3) está formada polos encimas lipolíticos que hidrolizan os enlaces éster dos triglicéridos, á que pertence a lipase pancreática.[5] É unha familia amplamente distribuída en animais, plantas e procariotas.

Existen polo menos tres isoencimas específicos de tecidos nos vertebrados superiores, o pancreático, o hepático e o gástrico/lingual. Estas lipases están estreitamente relacionadas unhas con outras e coa lipoproteína lipase (EC 3.1.1.34), a cal hidroliza os triglicéridos nos quilomicrons e lipoproteínas de moi baixa densidade (VLDL).[6]

A rexión máis conservada en todas estas proteínas está centrada arredor dun residuo de serina,[7] que participa, xunto cun residuo de histidina e outro de ácido aspártico, nun sistema de relevo de carga. Esta rexión está tamén presente nas lipases de procariotas e na lecitín-colesterol aciltransferase (EC 2.3.1.43) (LCAT),[8] que catliza a transferencia de ácidos graxos entre a fosfatidilcolina e o colesterol.

Proteínas humanas que conteñen este dominio

LIPC; LIPG; LIPH; LIPI; LPL; PLA1A; PNLIP; PNLIPRP1; PNLIPRP2; PNLIPRP3;

Notas

Modelo:Listaref

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

Este artigo contén textos de InterPro IPR013818 en dominio público.

Modelo:Control de autoridades

  1. Modelo:PDB ; Egloff MP, Marguet F, Buono G, Verger R, Cambillau C, van Tilbeurgh H (March 1995). "The 2.46 Å resolution structure of the pancreatic lipase-colipase complex inhibited by a C11 alkyl phosphonate". Biochemistry 34 (9): 2751–62. doi:10.1021/bi00009a003. PMID 7893686.
  2. Modelo:Cita publicación periódica
  3. Modelo:Cita web
  4. Modelo:Cita publicación periódica
  5. Modelo:Cita publicación periódica
  6. Modelo:Cita publicación periódica
  7. Modelo:Cita publicación periódica
  8. Modelo:Cita publicación periódica