Terapia de cobalto

A terapia de cobalto ou cobaltoterapia é o uso médico dos raios gamma dos radioisótopos de cobalto-60 e utilízanse para o tratamento de doenzas coma o cancro. Debido a que as máquinas de cobalto requiren mantemento especializado, adoitan estar aloxadas en áreas chamadas unidades de cobalto ou bomba de cobalto.[1]
A súa denominación deriva do uso dun:
- Radioisótopo de cobalto 60 para o tratamento desas doenzas
- Pistón pneumático (bomba) para o desprazamento do isótopo.
A desintegración ocorre segundo a fórmula:
O período de semidesintegración do cobalto 60 é de 5,27 anos. A blindaxe da cabeza absorbe a radiación beta, pois esta non é útil. O que se emprega é a radiación gamma, cunha enerxía media de 1,33 MeV (megaelectronvoltios).
En 1961 esperábase que a terapia de cobalto substituíse a radioterapia de raios X[2] de baixa enerxía. Desde a década de 1950 os aceleradores lineais están a substituír as bombas de cobalto por estes motivos, entre outros:
- Dificultade na produción de cobalto-60
- Xestión dos residuos radioactivos
- Exposición a radiacións do persoal sanitario
- Os feixes de fotóns de menor enerxía que dificultan tratamentos de radioterapia máis precisos
Porén, a simplicidade e o custo dunha unidade de cobalto facilita a súa instalación en calquera lugar. De feito, os aceleradores lineais están a aumentar nos países desenvolvidos, mentres que nos menos desenvolvidos aínda se instalan bombas de cobalto.[3]
Breve descrición do aparello
Consiste nunha fonte radioactiva inserida nun tubo de chumbo, cunha abertura lateral en que se acoplou un colimador complexo. Cando se utiliza o aparello, a fonte radioactiva desprázase lateralmente até coincidir coa abertura, o que permite a saída da radiación. As medidas de seguridade permiten que, mentres non se está a realizar un tratamento (por exemplo, ao abrir a porta da sala), a radiación non escape, xa que a fonte radioactiva se volve inserir de xeito automático no tubo de chumbo.
Importancia da vida media do radionúclido
O maior problema da bomba de cobalto é o ter unha vida media relativamente breve, xa que a radiación perde actividade nun período curto. Malia o cobalto radioactivo non perder a capacidade de xerar radiación daniña, aumenta a duración dos tratamentos e, xa que logo, a incomodidade das e dos pacientes. Outros inconvenientes son a necesidade de substituílo e o alto custo do recambio, por ter que manipular material radioactivo.
As unidades de cobalto producen raios estábeis e dicromáticos de 1,17 e 1,33 MeV,[4] o que resulta nunha media de enerxía do feixe de 1,25 MeV.[5] O papel da unidade de cobalto foi parcialmente substituído polo acelerador lineal, que pode xerar unha maior radiación de enerxía. O tratamento de cobalto segue a ter utilidade en certas aplicacións e aínda se usa en todo o mundo, xa que a máquina é relativamente fiábel e fácil de manter en comparación co acelerador lineal moderno. O cobalto-60 ten unha vida media de 5,3 anos, polo que ten que ser substituído pasado ese tempo.[6]
Gamma knife
O bisturí gamma (Gamma Knife en inglés) é un aparello usado para tratar tumores cerebrais. Funciona mediante a administración de radiación gamma de alta intensidade procedente de múltiples fontes de cobalto-60. Deste xeito, concentra toda a radiación nunha pequena superficie.